Naceu o 30 de decembro de 1932 na cidade cubana de Ciego de Ávila.

Filla de emigrantes galegos. Cando era unha meniña seus pais e ela trasladáronse a unha arredada zona campesiña. Traballaban unha pequena finca. non había escola, e para que puidese estudar mudáronse para a cidade da Habana cando ela tiña nove anos. Rematou o ensino primario e estudou logo Maxisterio, e máis tarde xornalismo, para o que tiña unha moi definida vocación. Con doce anos publicou o seu primeiro traballo na prensa. E pouco despois escribiría o seu primeiro conto para nenos.

En 1953 trasladouse cos seus pais a Buenos Aires. Vencellouse ás actividades culturais galegas. En 1954 coñeceu a Xosé Neira Vilas. estudaron xuntos xornalismo. Casaron en 1957, ano en que fundaron "Follas Novas", unha organización editorial e distribuidora do libro en galego en América. Incorporáronse ambos a un seminario permanente para escritores. Colabora na prensa arxentina. na prensa galega de Buenos Aires publica o seu primeiro artigo en lingua galega en 1958. Tamén dá a coñecer por esas datas poemas de autores latinoamericanos traducidos á nosa lingua. Asiste a conferencias, exposicións de pintura e actos patrióticos galegos. Vive moi de cerca o Primeiro Congreso da Emigración, velebrado en 1956, e reúne a máis ampla información documental sobre o mesmo. En "Follas Novas" anima as tertulias sabatinas que se levan a cabo con xoves galegos e arxentinos de ascendencia galega. Coméntanse libros chegados de galicia, lense poesías e narracións e debátense problemas diversos relacionados co noso país.

Asistiu ás clases de lingua galega de Eduardo Blanco Amor. e tamén ás de Historia, Xeografía, Litaratura e Economía de Galicia que impartían, respectivamente, Alberto Vilanova, Ramón de Valenzuela, rafael Dieste e Antonio Baltar.

Anisia e neira foron discípulos, compañeiros e amigos dos mencionados e tamén de Laxeiro, Emilio Pita, Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, lorenzo Varela e outros.

Co selo editorial de "Follas Novas" publica, en 1960, o seu primeiro libro, un poemario titulado Esta es Cuba, hermano.

En 1961 Anisia e Neira trasládanse a Cuba, onde triunfara unha revolución popular. Traballou no Consello Nacional de Cultura como redactora da revista Pueblo y cultura, ó tempo que colaboraba noutras publicacións periódicas. Escribiu programas de radio. Foi coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e adolescentes. Máis tarde sería nomeada a xefa de redacción do semanario infantil Pionero. Co-fundadora e xefa de redacción da revista para nenos Zunzún, dende 1980, e Bijirita, dende 1986. A primeira cunha tirada mensual de 25.000 exemplares e a segunda (para nenos que aínda non len ou comezan a ler) de 300.000. creou un estilo moi persoal de xornalismo para nenos e nenas.

Tras xubilarse en 1991, ela e o seu marido radicáronse en Galicia. Na aldea natal de Neira creouse a Fundación Xosé Neira Vilas, e Anisia vén participando arreo nas actividades do Centro Cultural que alí se estableceu: catalogou os libros infantís, puxo en marcha un sistema deselección por parte dos lectores e de rexistro de préstamos a domicilio, atendeu persoalmente a biblioteca nos primeiros tempos, organizou o museo etnográfico e toma parte activa nos programas culturais que se levan a cabo: exposicións, concertos, charlas, encontros, funcións de teatro, etc. Ademáis vense desempeñando como xurado nos premios "Arume" e "Estornela" de poesía e teatro respectivamente. É vicepresidenta da Fundación.

De algúns dos seus libros lévanse publicado milleiros de exemplares. Parte da súa obra está traducida a outras linguas. Narracións súas foron incluídas nunha selección de literatura universal para nenos publicada en Bratislava pola editorial Wlade Letá, en 1985.

O 22 de Outubro do ano 2009 Anisia Miranda faleceu na súa casa en Gres.