Xosé Neira Vilas naceu en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), o 3 de novembro de 1928.

Fillo de campesiños. Despois dos estudos primarios seguíu un curso de peritaxe mercantil por correspondencia. Con 16 anos comezou a traballar nas oficinas dun serradoiro local. Creou un grupo de teatro que representou obras en galego.

En 1949 emigrou a Buenos Aires, onde desempeñou traballos diversos. Realiza estudos de comercio, música, xornalismo, literatura. Tomou conciencia da identidade de Galicia en contacto cos intelectuais do exilio: Seoane, Suárez Picallo, Lorenzo varela, etc. Foi Secretario Xeral da Mocedades Galeguistas e participou na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en 1957 con Anisia Miranda, cubana. Xuntos fundaron a organización libreiro-editorial Follas Novas para difundir o libro galego en América. En 1961 Neira e Anisia foron residir a Cuba. Traballou na Administración e fixo xornalismo literario. En 1969 fundou a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vinte e dous anos. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presenza da emigración galega en América. Volto a galiza, na súa aldea natal de Gres preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas. É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.

Foi codirector do xornal Adiante (1954), voceiro da Mocidades Galeguistas de Buenos Aires. A súa asinatura é habitual na maioría dos medios da emigración americana e doutros lugares do mundo: Galicia Emigrante (Buenos Aires, 1954-1959); Eufonía (Buenos Aires, 1958); Galicia (Centro Galego de Buenos Aires, fundada en 1926); Opinión Gallega (Buenos Aires, 1945-1965); Ecuador 0º, 0´, 0´´ (méxico, 1965); Vieiros (Revista do Padroado da Cultura Galega de México, 1959-1968); Aquí... Galicia! (Peña Cultural galega Rosalía de castro, Rosario, 1960); Aturuxo (Santa Fe, 1960-1961); Cro Galego Brétemas e Raiolas (Buenos Aires, 1958); Abrente (Casa de Galicia de valladolid, 1960); Galicia ó lonxe (Centro Galego de Lisboa, 1994); etc. En Cuba, dende 1983 ata que se xubilou, foi redactor-xefe da revista infantil Zunzún. outros medios nos que ten colaborado son os xornais A Nosa Terra (fundado en 1978, Santiago) e Diario de Galicia (Vigo, 1988) e a revista Follas Secas de Ourense.

Desde a súa volta desde Cuba a terras galegas, colaborou en diversos medios de comunicación. Froito dese pulo foron as series "Memoria da emigración" e "Crónicas galegas de América", aparecidas inicialmente no Faro de Vigo (1992-1995, domingos) e despois en O Correo Galego (1995-1999) e logo recollidas en varios volumes por Ediciós do Castro.

Actualmente ten unha sección fixa en El Correo Gallego ("Arredor do mundo", columna dominical) e publica puntualmente artigos culturais e de tema literario en Galicia Hoxe.